Saturday 18 de May de 2024

O alumnado do IES da Pobra recibirá formación sobre prevención de condutas adictivas


O IES da Pobra do Caramiñal en colaboración co Concello impulsa un proxecto relativo á prevención de condutas adictivas no ámbito escolar, xurdido das xuntanzas periódicas mantidas entre ámbalas partes implicadas. Dirixida a estudantado das tres aulas de 4.° da ESO do mencionado instituto, a dita acción transcorrerá ao longo da próxima semana e atópase conformada por un total de 15 sesións (5 por clase) que serán impartidas polo psicólogo Juan Carlos Permuy Bermúdez e pola psicóloga Belén Montesa Lou, especialistas en condutas adictivas. Cómpre indicar que esta actividade se pode desenvolver a pesar da situación epidemiolóxica en que se atopa A Pobra, pois a formación impartirase ás persoas usuarias do centro educativo nas propias instalacións e no horario escolar, respectando así as medidas.

A directora do IES, Margarita Saborido, destacou a importancia desta actividade, a cal non se cingue exclusivamente ao consumo de substancias, senón que tamén abranguerá as apostas, os videoxogos, o uso do móbil ou as redes sociais, especialmente, tal e como apuntou, “dadas as circunstancias que nos abocan, non só aos adolescentes, senón ao resto da sociedade, a utiliza-las vías telemáticas para socializar.” Incidiu, polo tanto, en que o obxectivo é a prevención e “darlles capacidade para que eles poidan toma-la decisión ou xestionar determinadas circunstancias onde se van ver envoltos ao longo da adolescencia e da súa vida.”

Pola súa parte, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), manifestou que a educación constitúe un dos piares básicos da sociedade, polo cal “nos parece fundamental que establezamos relación co instituto”, producíndose así unha sinerxía entre ámbolos órganos. Engadiu que o referido taller xorde “da sociedade que nos rodea e a COVID-19, que moitas veces leva a rapazada a consumir e relacionarse socialmente dunha maneira que pode ser nociva para o seu desenvolvemento.” Deste xeito, insistiu na relevancia do papel das familias, particularmente, para saber como actuar ante determinadas situacións.

En relación con isto último, estaba prevista unha charla destinada ás familias da man de Juan Carlos Permuy Bermúdez, a cal se tivo que adiar pola condición en que se atopa actualmente o municipio por mor do coronavirus, polo cal se informará da nova data cando a situación así o permita.